Reseña
Unha obra fundamental, de referencia para calquera biblioteca, a Historia da literatura medieval galego-portuguesa pretende ser unha aportación feita con rigor e, ao tempo, de doada accesibilidade para todos aqueles que se acheguen ao espacio do noso Medievo. A partir de traballos anteriores, o autor tentou, dunha banda, re visar as diferentes análises e estudios realizados acerca dos diferentes apartados da historia literaria galego-portuguesa ao longo da Idade Media e, así mesmo, ofrecer a súa visión persoal sobre as causas e motivos que contribúen na formación, esplendor e posterior decadencia das nosas letras durante aquela xeira singular. Confrontando os datos, sinalando os aspectos sociais, políticos, culturais... que se interrelacionan e que configuran o terreo a tratar, procurou unha ollada ampla, e o máis obxectiva posible, que poida servir, igualmente, como un punto de partida e/ou de referencia para futuras investigacións sobre episodios máis concretos.